30 abril, 2012

O Mapa das Illas



Dentro da proposta Arte en Tránsito nas escolas para o CEIP de Chancelas (Poio, Pontevedra) xurde a colaboración coa artista Branca Novoneyra (Lugo, 1976) e a súa creación do xogo educativo O Mapa das Illas
A bailarina e coreógrafa explica así o obxectivo do xogo: “O Mapa das Illas é un xogo corporal baseado nas achegas da danza educativa i especialmente deseñado para dialogar co espazo no que se contextualiza. A intervención consistirá en habitar dito espazo cunha instalación asociada á educación artística.../...os alumnos de infantil e primaria poderán vivencialo nas clases de música e movemento, educación física e tamén nos recreos.”
As ilustracións dos espazos son obra da artista plástica Paulova (Lugo, 1983), quen a partir da proposta de Branca Novoneyra, baseouse nos gustos da súa infancia e en como lle gustaría que fose o seu propio colexio para así plasmalos nesta obra. 

Neste enlace ao blog do xogo pódense atopar as súas instrucións, características e influencias ademais de información sobre as creadoras.

26 abril, 2012

26 de abril de 1937

Hoxe cumplense 75 anos do bombardeo a Guernica. O 26 de abril de 1937, esta poboación vasca foi bombardeada pola Lexión Cóndor alemana e a Aviación Lexionaria italiana durante o transcurso da Guerra Civil española.
O cadro de Picasso, do mesmo nome, foi un encargo do goberno da II República para a Exposición Internacional de París de 1937. O pintor malageño pintaba a arte e a súa beleza ideal pero nesta obra quixo ir un pouco máis lonxe e pintou a destrucción. Esta obra non ten un único significado, cada persoa pode darlle un propio, pero hoxe en día considérase ao Guernica un símbolo do antibelicismo e dos horrores da guerra.




Como comemoración a este aniversario queremos compartir con vós o libro Un cadro de Picasso de Claire D'Harcourt (Ed. Faktoria K de Libros, Kalandraka). Este fermoso libro pode ser unha práctica ferramenta para traballar co alumnado tanto o tema da guerra como o coñecemento do artista e o estilo cubista.
Desde un punto de vista máis técnico favorece a comprensión da expresividade das pinceladas e os trazos, así como as características plásticas do conxunto da obra: textura, cores, simbolismo das figuras, composición...