25 octubre, 2011

CEIP Chancelas

Neste curso académico iniciamos as sesións de formación do profesorado sobre arte contemporánea como parte do proxecto Arte en Tránsito nas escolas que se está a desenvolver no CEIP de Chancelas (Poio, Pontevedra). O obxectivo principal deste proxecto é que os nenos teña unha experiencia artística, fóra dos espazos tradicionalmente dedicados á arte, coa que se decaten que a través da arte poden cambiar o seu entorno e melloralo. Para esta labor contamos coa colaboración das artistas Mónica Alonso e Branca Novoneyra que realizarán dúas obras para este centro.

As sesións de formación do profesorado levaranse a cabo ao longo do curso co obxectivo de que os mestres poidan poñer en práctica nas súas aulas os recursos traballados previamente en relación coa arte contemporánea.

O proxecto está apoiado polo CEFORE de Pontevedra, o grupo Froiz e a ANPA do centro.

17 septiembre, 2011

Principios e fins


Xerar experiencias artísticas
Mediar entre artistas contemporáneos e a cidadanía
Promover inquietudes no ámbito dos estudos visuais
Facilitar recursos para o achegamento as linguaxes artísticas contemporáneas

20 julio, 2011

Presentación do equipo

Arte en Tránsito está constituído por profesionais do mundo da arte e con experiencia no campo da educación e dos departamentos didácticos de museos e institucións culturais. Ana Baamonde, Blanca Bermúdez, María Díaz, Isabel Gómez e Ana Rodríguez son licenciadas en Belas Artes e Historia da Arte e mestradas en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas.

Desde os finais do ano 2010 iniciáronse as formulacións sobre a necesidade de aproximar as manifestacións artísticas contemporáneas ao conxunto da sociedade, especialmente a todos aqueles colectivos que doutro xeito teñen moi escasas posibilidades de coñecer as últimas tendencias a nivel cultural.

Así comeza o presente proxecto, Arte en Tránsito nas escolas, que propón sacar a arte contemporánea dos museos, institucións e galerías de arte para trasladalo a distintos centros educativos, especialmente a aqueles máis afastados dos principais núcleos nos que se presenta habitualmente a arte contemporánea en Galicia: Santiago de Compostela e Vigo, xa que consideramos que todos os nenos teñen que ter a oportunidade de coñecer as manifestacións culturais actuais.

17 julio, 2011

Punto de partida

A cultura visual ten unha grande importancia dende os primeiros anos de vida, xa que o universo visual ten un forte poder persuasivo, englobando aspectos como a conciencia cultural, a experimentación do pracer e a capacidade de socialización. Ademais, as prácticas artísticas axudan a construír a personalidade e serven como motor social, pola capacidade de transformación e de xerar novas formas de ver e coñecer o mundo e entender o propio ámbito.

Dentro do universo artístico, é importante que os nenos coñezan as grandes obras da Historia da Arte e que sexan introducidos no coñecemento dos clásicos, pero non menos importante é o contacto coas manifestacións artísticas contemporáneas, que deben formar parte das estruturas de referencia que o neno manexe para a comprensión das formas visuais ás que teña que enfrontarse ao longo da súa vida.

Por outro lado, as prácticas artísticas contemporáneas baséanse na posibilidade de experimentación, na intervención sobre o espacio e na utilización dun recurso tan próximo como é o propio corpo, polo que a inmersión nestas prácticas proporciona aos pequenos un amplo abano de posibilidades ata o momento inimaxinadas.

13 julio, 2011

Comezamos

Benvidos aos interesados nas novas formas de compartir a Arte contemporánea.
Bienvenidos a los interesados en las nuevas formas de compartir el Arte contemporáneo.