17 julio, 2011

Punto de partida

A cultura visual ten unha grande importancia dende os primeiros anos de vida, xa que o universo visual ten un forte poder persuasivo, englobando aspectos como a conciencia cultural, a experimentación do pracer e a capacidade de socialización. Ademais, as prácticas artísticas axudan a construír a personalidade e serven como motor social, pola capacidade de transformación e de xerar novas formas de ver e coñecer o mundo e entender o propio ámbito.

Dentro do universo artístico, é importante que os nenos coñezan as grandes obras da Historia da Arte e que sexan introducidos no coñecemento dos clásicos, pero non menos importante é o contacto coas manifestacións artísticas contemporáneas, que deben formar parte das estruturas de referencia que o neno manexe para a comprensión das formas visuais ás que teña que enfrontarse ao longo da súa vida.

Por outro lado, as prácticas artísticas contemporáneas baséanse na posibilidade de experimentación, na intervención sobre o espacio e na utilización dun recurso tan próximo como é o propio corpo, polo que a inmersión nestas prácticas proporciona aos pequenos un amplo abano de posibilidades ata o momento inimaxinadas.